Coñécenos

Seguro que te preguntas Quen é Santa Xoana de Lestonnac?.

Aquí propoñémosche un breve, pero interesante, percorrido pola súa vida.

Xoana de Lestonnac nace en Burdeus; é a primoxénita dos Lestonnac, unha familia significativa  no ámbito político, social e cultural da cidade  e sobriña preferida de Miguel de Montaigne, humanista francés, autor dos famosos “Ensaios”.

En pleno desenvolvemento como persoa vive na súa propia familia os conflitos relixiosos que se desenvolvían na época. O seu pai, Ricardo, educa á súa filla na fe católica. A súa nai, Xoana Eyquem, calvinista convencida, tenta atraela a esta confesión relixiosa.

Na súa adolescencia sente que Deuss confírmalle a súa fe católica e escoita no seu interior: “procura, filla miña, non deixar que se apague esta chama que eu acendín no teu corazón...”. A partir deste momento, Xoana coidará esa inquedanza que flúe no seu interior.

Aos 17 anos contrae matrimonio con Gastón de Montferrant, desta  unión nacerán cinco fillos, a quen acompañará solícita no seu crecemento e educación.

Despois de vinte e catro anos de casada, queda viúva; consciente de que os seus fillos xa apenas a necesitan, Xoana sente que de novo resoa nela a chamada da adolescencia e ingresa en 1603 como relixiosa no mosteiro das Feuillantines de Toulouse.

Transcorridos seis meses, cae enferma  e é obrigada a abandonar o mosteiro do Císter. Sente unha resistencia interna ante este fracaso, pero ora, confía en Deus e intúe unha nova chamada a “tender a man a unha mocidade que se perde por falta de axuda”.

De novo en Burdeus reflexiona, ora e mira a realidade para deixarse afectar por ela... pronto descobre unha necesidade á que debe dar resposta, a educación das nenas e mozas. Imponse nela a certeza de que “a muller debe de salvar á muller”.

A peste chega a Burdeus e, fiel ao seu carácter e personalidade, comeza a axudar aos enfermos da cidade; é así como entra en contacto cun grupo de mulleres novas que serán as súas primeiras compañeiras e con dous xesuítas que lle animarán no seu proxecto.

Con perseveranza e coraxe, aos poucos, a modiño, vai dando forma e consistencia ao seu soño que en 1607 converterase nunha fermosa realidade: a fundación da primeira Orde Apostólica feminina dedicada á educación da muller, a Compañía de María.