Saúdo
A Compañía de María é froito dun Proxecto de Misión, con máis de catrocentos anos de Historia e vocación universal. Chegou a España desde Francia en 1650 coa fundación do primeiro Colexio na cidade de Barcelona. Alí, moi pronto, as relixiosas foron recoñecidas polo seu labor educativo e a súa singularidade, unha Orde relixiosa feminina dedicada á educación da muller; iso reportoulles un sobrenome que as acompañou noutras moitas fundacións levadas a cabo e que continúa vixente, as monxas de “O Ensino”.
Hoxe, en pleno século XXI, a nosa Orde conta con máis de vinte colexios repartidos por diversas partes de España. Relixiosas e laicos, nun traballo conxunto, somos os herdeiros da nosa fundadora, Xoana de Lestonnac; portadores do seu legado facémolo presente en cada lugar, achegando a nosa identidade e abertos á diversidade e pluralidade de cada contexto.
Ofrecemos unha educación humanista cristiá, unha educación integral que transmite valores que dotan aos nosos alumnos e alumnas da capacidade de ler o mundo con curiosidade e apertura, sentido crítico, capacidade de diálogo, sensibilidade… e que lles permite dar respostas activas, comprometidas, solidarias e creativas; queremos que cheguen a ser axentes transformadores do mundo que lles toque vivir: “Educar na vida e para a vida”.
Desde as nosas orixes, somos un referente educativo pola nosa capacidade de abrir os Centros Educativos á novidade pedagóxica. A influencia de Miguel de Montaigne concrétase en principios como “Cabezas ben feitas, máis que ben cheas” que nos levaron á buscaconstante, á innovación e vangarda pedagóxica. Os nosos equipos de educadores están en formación continua nas novas tendencias educativas.
Pretendemos que os nosos alumnos e alumnas gocen aprendendo, estean motivados e sexan protagonistas da súa propia aprendizaxe, que sexan quen de aprender máis aló da aula. Traballamos por unha “Educación que acompaña, integra e fai medrar” e por iso, en todos os nosos Colexios incorporamos diversos proxectos que dan resposta a un modelo educativo propio e actualizado: O plurilingüismo, como potenciador da competencia lingüística e da comunicación como medio para tender pontes; o “Aprendizaxe Cooperativo”, no que os alumnos son capaces de liderar a súa propia aprendizaxe e reforzan as relacións interpersoais; as “Tics/TACs”, imprescindibles para o desenvolvemento da súa competencia dixital e apertura ao coñecemento; a “Educación da Interioridade”, como medio de posibilitar o coñecemento intrapersoale da transcendencia; a “Educación para o Desenvolvemento”, como unha forma de ver a realidade cunha mirada máis social e ambiental.
Somos Compañía de María e a nosa razón de ser, a nosa Misión, é a educación. Unha educación personalizada que trata de dar resposta a cada persoa nas súas necesidades e potencialidades. Por iso os nosos centros son abertos e inclusivos e traballan para crear sinerxias e fortalecer os lazos de toda a Comunidade Educativa, especialmente coas familias: “Educar en Comunidade desde un Proxecto Común”.
Como para Santa Xoana de Lestonnac, a nosa fundadora, María de Nazaret é o noso paradigma, a utopía que nos axuda a avanzar con ilusión na tarefa educativa e a esforzarnos por ser un referente válido no mundo actual, global, diverso e plural.
Un saúdo afectuoso para todos.
Mª R. Mariña Rios, odn
Superiora Provincial