Grupos Lestonnac
Os Grupos Lestonnac son grupos cristiáns de participación voluntaria, dentro do ámbito extraescolar, que se ofertan nos centros Educativos da Compañía de María, desde 4º ó 5º de Educación Primaria ata Bacharelato. Pretenden, desde o Proxecto Educativo e a Espiritualidade da Compañía de María, axudar aos nenos, adolescentes e xoves a atopar o sentido da súa vida en Xesús e nos valores do Evanxeo, ofrecéndolles alternativas que contribúan ao crecemento da súa Fe, a elección de vida e a inserción na comunidade eclesial e a participar na sociedade. O grupo é o principal medio pedagóxico para aprender a convivir, a relacionarse, a traballar en equipo, a proxectar futuro e comprometerse con outros nun servizo común na sociedade e na Igrexa, sempre acompañados por uns animadores que facilitan, a través do seu testemuño e o seu saber facer, que isto sexa posible.
|
|
A opción educativa dos Grupos Lestonnac céntrase en:
- A PERSOA: Centro de toda a acción educativa, contribuíndo ao desenvolvemento de todas as súas capacidades a través dunha educación integral e integradora.
- GRUPO: Unha educación que se realiza con outros desde unha vivencia conxunta e complementaria, potenciando a participación, o diálogo, a acollida, o traballo en equipo, a cooperación e a corresponsabilidade.
- ACOMPAÑAMENTO á persoa no crecemento persoal, na apertura á transcendencia e posterior camiño da fe, desde o respecto á liberdade persoal.
- TEMPO LIBRE: Unha educación que vai máis aló da aula, do académico, buscando outros espazos e tempos educativos que favorezan a educación integral.
- A SOLIDARIEDADE, RESPONSABILIDADE SOCIAL E O DESENVOLVEMENTO: que leve aos participantes para implicarse na construción dun mundo máis xusto e mellor para todos e coidando o planeta.
Pretendemos que os Grupos Lestonnac non sexan o final dunha etapa de crecemento, senón a base de posteriores compromisos dos xoves, tanto a nivel social como dentro da Compañía de María e da Igrexa, dando diferentes opcións de voluntariado ou ofertas de crecemento na fe.
|
|